NBA 2K16 destaca entre os xogos de PlayStation Plus do mes de xuño

martes, 7 de xuño do 2016 Marcus Fernández

A celebración da feira E3 leva a que tanto Sony como Microsoft coiden os xogos que ofrecen aos seus subscritores de plataformas de xogos sen custo adicional, para conseguir que os usuarios leven unha boa imaxe dos seus servizos nun momento no que o foco está sobre as consolas de videoxogos, e así, durante xuño temos que os usuarios de Xbox LIVE reciben xogos como Goat Simulator, The Crew ou XCOM: Enemy Unkown, moi superiores ao habitual un mes calquera, e o mesmo acontece con PlayStation Plus, que xa renovou os xogos deste mes con gratas sorpresas, sumando os xogos ofrecidos un prezo de mercado de máis de 125 euros.
O xogo máis importante deste mes é, sen dúbida, NBA 2K16 na súa versión para PlayStation 4, de xeito que a meirande parte do propietarios unha PS4 poderán gozar do xogo de baloncesto de referencia meses antes do lanzamento da súa vindeira versión, o que probablemente contribúa a consolidar esta franquía deportiva, xa que moitos xogadores que non lle deran unha oportunidade anteriormente poderán ver en primeira persoa a magnífica recreación dixital do baloncesto que fan dende 2K. Resulta especialmente rechamante o realismo dos movementos dos xogadores, así como a representación visual de figuras como Stephen Curry, Anthony Davis e James Harden.
O outro título para PlayStation 4 no mes de xuño é Gone Home, un xogo de exploración que redefiniu o xénero e, conseguiu chamar a atención e conquistar numerosos galardóns como xogo independente. Tamén son moi discretos os xogos para PS3 (echocrhome: Un desafío para tu mente e Siren Blood Curse), en contraste coa PS Vita, que pese a ser unha consola practicamente esquecida por Sony, este mes recibe xogos de primeira fila (Little Deviants e God of War: Chains of Olympus), dando a impresión de que estamos ante o canto do cisne da portátil de Sony.

Vídeo promocional dos xogos de PlayStation Plus no mes de xuño

PUBLICIDADE