NBA 2K23 para PC será de vella xeración

luns, 11 de xullo do 2022 Marcus Fernández

O vindeiro 9 de setembro sairá á venda globalmente o xogo NBA 2K23, considerado o grande referente dos títulos de baloncesto para ordenadores e consolas de videoxogos, que este ano contará con versións para PS5, Xbox Series X|S, PS4, Xbox One, Nintendo Switch e PC (Steam), aínda que os usuarios destas últimas plataformas teñen unha mala nova: o xogo só está optimizado para consolas de nova xeración.
Aínda que no caso da Nintendo Switch enténdese que a versión do xogo sexa equiparable ás das consolas de anterior xeración, que en ordenadores persoais haxa que conformarse cunha versión menor do xogo non resultará moi agradable para os que conten cun bo equipo, pois Take-Two Interactive considera que non paga a pena o esforzo adicional no desenvolvemento do xogo en ordenadores persoais (entendemos que baseándose nunhas previsións de vendas que non xustificarían tal investimento). Cómpre salientar que o xogo nin sequera vai venderse en formato físico para PC, o que é un claro sinal da modesta previsión de vendas que ten o xogo en tal plataforma.

Entre as novidades deste ano destaca unha edición especial de NBA 2K23 en homenaxe a Michael Jordan

PUBLICIDADE