NBA Live 19 permitirá crear xogadoras personalizadas

luns, 30 de xullo do 2018 Marcus Fernández

O ano pasado o xogo NBA Live 18 conseguía destacar ao incorporar o baloncesto feminino, de xeito que a WNBA está agora presente de xeito oficial no mundo dos videoxogos, pero de cara á vindeira edición do xogo non queren deixar a cousa aí, e avanzan que levarán a creación de xogadoras a The One, ou sexa, que cando NBA Live 19 vexa a luz en setembro será posible que empreguemos a nosa propia xogadora na competición no Tour Mundial The Streets, no Eventos Live e en Live Run.
Esta medida pretende atraer a xogadoras a este título, convidándoas a importar o seu rostro coa aplicación complementaria de NBA Live que con GameFace HD permite dixitalizar caras, estando tamén dispoñibles varios modelos de cabeza predeterminados entre os que elixir como opción alternativa, tras o que poderase tamén elixir entre centos de peiteados.
Aparte do aspecto, tamén poderase definir o estilo de xogo, a altura e o peso, podendo así trasladar ao xogo cada estilo persoal.
As mulleres poderán acceder a todo o sistema de progresión, ao igual cós homes, e permitirán definir se preferimos que xogar como base, aleiro ou xogadora alta, con cadanseu estilo de xogo.
Como curiosidade, as xogadores poderán progresar a súa carreira, viaxando por distintas cidades e países para pórse a proba contra a elite do baloncesto, tanto da WNBA como da NBA, ou sexa, que haberá partidos mixtos, que contribuirán a mellorar as habilidades das xogadoras.

Vídeo promocional do creador de personaxes femininos en NBA Live 19

PUBLICIDADE