Na Rede as presentacións de seis iniciativas galegas de éxito en materia de software libre para o terceiro sector

luns, 18 de xaneiro do 2016 Redacción

Ana Vázquez e José Padrón contando a súa experiencia en materia de open source aplicado ás entidades solidarias

Xa temos dispoñíbeis en YouTube, na canle da axencia AMTEGA, os seis casos galegos de éxito presentados no evento sobre boas prácticas con software libre para o terceiro sector e entidades de acción social desenvolvido o pasado 22 de outubro no edificio CINC da Cidade da Cultura. A dispoñibilidade na Rede destes seis vídeos constitúe, segundo informa a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, unha boa oportunidade para que aquelas persoas que non puideron asistir á xornada do día 22 poidan coñecer experiencias de valor en materia de implantación de programas abertos en entidades sociais e solidarias sen arela de lucro.
Os relatorios subidos ao YouTube son os seguintes:
· Rafael Rodríguez Gaioso e Salvador Tabarés, da asociación Melisa,expón sobre a súa experiencia de voluntariado con software libre nos centros penitenciarios de Galicia.
· Ana Vázquez Fernández, da Coordinadora Galega de ONGDs e Emilio José Padrón González de GPUL explica a experiencia da migración a Software Libre na Coordinadora Galega de ONGDs .
· Isabel Lema Blanco e José María Casanova Crespo de CUAC FM, aborda a Implantación de Software Libre en CUAC FM, a radio comunitaria da Coruña.
· Antón Amado Pousa de iCarto presenta o uso de tecnoloxías de información xeográfica libre en proxectos de Cooperación para o Desenvolvemento.
· Iván Lago Castro de Enxeñería sen Fronteiras comparte a súa experiencia na xestión de persoas socias e voluntarias empregando software libre coa ferramenta CiviCRM.
· Manuel L. Pan, de Abertal, presenta o portal voluntariadogalego.org, o portal da Dirección Xeral de Voluntariado, e a súa experiencia co software libre.
AMTEGA tamén lembra que están habilitadas no portal de Centro Demostrador TIC as gravacións das actividades formativas en software libre dirixidas ao terceiro sector que se celebraron durante o último trimestre do pasado ano. Son un total de 8 actividades que abranguen a creación de portais web con Drupal, Wordpress, o emprego de Owncloud, OpenStreetMap ou CiviCRM. No Repositorio Documental de Software Libre está dispoñíbel unha páxina recompilatoria de todo este material para facilitar a súa busca e acceso. Esta publicación “reforza o alcance da acción global desenvolvida no ciclo formativo dirixido ao terceiro sector, que tiña por obxectivo achegar as posibilidades que o software libre lles ofrece, dun modo práctico e a través da presentación de casos de éxito”, engade AMTEGA.

PUBLICIDADE