Nace unha revista española exclusiva para tablets

xoves, 23 de decembro do 2010 Marcus Fernández

Moitas son xa as revistas que contan cunha versión electrónica adaptada ao iPad, pero agora estréase en España a publicación iMAG, que destaca por ser nativa neste formato, ou sexa, que estariamos ante a primeira revista dixital española para iPad, que chega cun número 0 de balde que serve coma incentivo para instalar a aplicación dende a que descargar os distintos números da publicación, que no futuro custarán 2,39 euros cada un.
iMAG ofrece un formato moi semellante ao que xa vimos na revista norteamericana Wired, coa que tamén coincide bastante en contidos (estilo de vida, deseño, ciencia, tendencias e tecnoloxía). A revista pode consultarse en vertical e horizontal (con maquetacións adaptadas á orientación de lectura), contan con vídeos, audio, galerías fotográficas, imaxes en 360 graos, textos activos, ligazóns a Twitter, a web ou o correo electrónico e un sistema de navegación intelixente, ou sexa, as prestacións propias da ferramenta Adobe Digital Publishing, da que saben tirar proveito e que podería marcar o futuro deste tipo de publicacións no futuro.
A primeira entrega desta revista electrónica conta con colaboradores coma os blogueiros Enrique Dans, Javier Penalva, Juan Castromil, Justo Romano, Mauro Fuentes, Nacho Palou, Dani Burón, Alexandra Guerrero, Manu Contreras, David Bayón, Juan Francisco Diez e Ángel Jiménez, que serven de exemplo da liña que seguirá esta publicación, aínda que o seu número 0 sexa excesivamente breve como para facerse unha boa idea do produto final.
Aínda que polo momento iMAG sexa unha revista exclusiva para iPad, a súa intención é adaptarse no futuro a tablets con Android, Windows e BlackBerry, de xeito que permanecerá en dispositivos electrónicos portátiles, fuxindo dos soportes impresos e de formatos estáticos coma o PDF.
Este proxecto está dirixido por Carolina Denia, coñecida polo seu traballo en Clipset.


Así é o funcionamento de iMAG

PUBLICIDADE