Nace web para fomentar a innovación nas empresas galegas

luns, 4 de abril do 2011 Raquel Noya

A consultora galega MundiNova, especializada en comunicación e relacións públicas, vén de desenvolver unha peculiar web dedicada a fomentar a innovación no tecido empresarial do noso país.
Trátase da páxina web Revistadeinnovacion.com, unha ferramenta que, entre outras cousas, recolle toda a actualidade da I+D+i galega e selecciona as novas máis destacadas do mundo da innovación.
En palabras da súa directora, Tesa Díaz-Faes, “o portal da innovación funciona como canle de comunicación inmediata e continua entre a Administración, a Empresa e a Universidade”, ao tempo que dá a coñecer os servizos que ofrecen os centros tecnolóxicos e os equipos de investigación que hai en Galicia para que que as firmas do país “cambien a súa mentalidade neste tempos de crise xeralizada, e aposten pola I+D+i como estratexia de diferenciación e aumento da súa competitividade”.
Esta web da I+D+i galega inclúe tamén seccións consolidadas da Revista Innovamás, a primeira publicación periódica da nosa Comunidade dedicada integramente á difusión da innovación entre as pequenas e medianas empresas, así como unha Guía da I+D+i de Galicia, que porá en contacto a todos os axentes do sistema galego da innovación nun mesmo espazo virtual.

PUBLICIDADE