Naturgy aposta en Santiago pola dixitalización do sector para afrontar a transición enerxética

mércores, 9 de outubro do 2019 Fernando Sarasketa

O director de Redes de Electricidade de España de Naturgy, Raúl Suárez

Onte celebrouse en Santiago un seminario sobre dixitalización do sector eléctrico da man da Fundación Naturgy. Na cita, na que participaron ducias de profesionais e representantes dunha manchea de empresas do sector, galegas e do ámbito estatal, chegouse (entre outras) á seguinte conclusión: cómpre apostar de cheo por dixitalizar as redes eléctricas e dotalas das máis avanzadas tecnoloxías de xestión, seguimento, control e distribución: este proceso é, díxose, a clave para facer fronte á transición enerxética. Ou sexa, cara a un modelo máis intelixente, máis sustentábel, máis eficiente e máis baseado directamente nas fontes limpas de enerxía.
Entre os relatores do seminario atopábase o director de Redes de Electricidade de España de Naturgy, Raúl Suárez, quen apostou por configurar as redes de distribución como un elemento clave na transición enerxética: “Sen unha rede de distribución tecnoloxicamente moi avanzada non se poderá optimizar a integración da xeración renovábel e desenvolver unha verdadeira transición enerxética”. Para facer avanzar estes procesos, Suárez considera necesario unha maior tecnificación. “É preciso que o novo marco retributivo dea sinais abondas de rendibilidade aos investimentos en redes, en especial aos investimentos en dixitalización”, explicou, engadindo que as redes de distribución españolas “son un caso de éxito a nivel europeo”, pero para “afrontar este reto deberán tecnificarse e dixitalizarse máis aínda, co fin de dar resposta á flexibilidade que require xestionar un sistema con fluxos de enerxía moito máis dinámicos e para maximizar a capacidade de integración da xeración de enerxías limpas a custos reducidos e máis preto dos puntos de consumo”.
Na cita tamén participaron expertos da Universidade de Comillas e das empresas e entidades OMIE, REE (Rede Eléctrica de España), Wattia, CLECE, Evohaus e InnoEnergy, que, xunto co Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) compartiron casos prácticos e experiencias sobre o regulamento, os aspectos ambientais e o grao de implantación en España e en Europa da xeración eléctrica distribuída e o proceso de produción de enerxía desde múltiples puntos (e o máis preto posíbel do consumidor final).
Este seminario formou parte das actividades de formación que a Fundación Naturgy realiza en distintas cidades estatais sobre temáticas relacionadas coa enerxía, a tecnoloxía e o medio ambiente. O seu obxectivo fundamental é promover o uso racional dos recursos enerxéticos e fomentar un desenvolvemento sustentábel.
A Fundación Naturgy, fundada en 1992 pola compañía enerxética, tamén desenvolve programas de acción social, tanto no ámbito nacional como internacional, incidindo especialmente en actuacións destinadas a paliar a vulnerabilidade enerxética.

PUBLICIDADE