Neptune Duo intercambia os roles de smartwatches e smartphones

mércores, 18 de febreiro do 2015 Marcus Fernández

Unha compañía canadense, Neptune, quere destacar no emerxente segmento de produtos que casan reloxos e smartphones, polo que presenta o Neptune Duo, un conxunto de dous dispositivos que parece mudar as tornas na relación entre os smartphones e os smartwatches, colocando no pulso o elemento principal.
Temos así que o Neptune Hup será un accesorio para levar no pulso que funcionará cun potente procesador de catro núcleos, terá conectividade 3G/4G, Bluetooth, Wi-Fi, GPS e NFC e fará practicamente todas as funcións propias dun smartphone, mentres que para poder gozar visualizar contidos nun tamaño máis confortable contará co Neptune Pocket, un accesorio con pantalla de 5 polgadas que pode actuar como un rato, un teclado ou un monitor, ou sexa, que non será intelixente, xa que a potencia estaría no dispositivo wearable.

O accesorio de pulso é o que integra a intelixencia desta solución

O Neptune Hub permite facer chamadas, intercambiar mensaxes de texto, amosar notificacións, monitorizar a nosa actividade física, para o que válese dunha pantalla táctil integrada de 2,4 polgadas, micrófono, altofalante e vibrador. Tamén conta cun xeneroso almacenamento interno (64 GB), unha batería de 1.000 mAh (moi superior ao que vemos habitualmente nun smartwatch) e, curiosamente, funciona con Android 5.0. Por outra banda, o Neptune Pocket goza dunha pantalla de 5 polgadas cunha resolución de 1.280 x 720 píxeles, cámaras de 8 e 2 Mpíxeles, flash LED, micrófono, auricular, altofalante, vibrador, acelerómetro, xiroscopio e batería de 2.800 mAh, ou sexa, que sería practicamente un smartphone ao que lle deixaron o seu procesador e a súa memoria fóra.

O Neptune Hub permite correr aplicacións para Android 5.0 no pulso

A solución destaca polo feito de que no caso de extraviar ou esquecer o Pocket, podemos seguir conectados tranquilamente co Hub, sendo incluso posible empregar temporalmente un Pocket doutro usuario (xa que ambos elementos poden emparellarse mediante contacto por NFC), coa seguridade que supón que a nosa información vaia almacenada no dispositivo que levamos sempre enriba. Como vantaxe adicional temos que a batería do Pocket tamén pode aproveitarse para recargar o Hub.
Esta proposta tecnolóxica pretende chegar ao mercado a finais de ano, abríndose xa o seu proceso de reservas, de xeito que os interesados en facerse co produto poden adiantar parte do seu prezo de 798 dólares (701,33 euros), podendo reducirse o prezo até os 498 dólares (437,68 euros) de adiantarse completamente o pagamento do trebello.


Vídeo de presentación do Neptune Duo

PUBLICIDADE