Nest Hub, un novo altofalante conectado con pantalla de Google

xoves, 6 de xuño do 2019 Marcus Fernández

Tras a chegada dos altofalantes Google Home a moitos fogares, a compañía de Mountain View quere que o seu asistente de voz estea acompañado por pantallas en certas instancias como a cociña, para permitir así unha experiencia de uso máis completa, e así presenta o Nest Hub, que xa pode reservarse en España a un prezo de 129 euros, e que aparte da tenda en liña de Google tamén poderá adquirirse en tendas como Fnac, El Corte Inglés, Carrefour, Orange, Leroy Merlín, Worten, PC Componentes e MediaMarkt.
O Nest Hub pode entenderse como un novo concepto de marco de fotos, que ao estar conectado á Rede e ter integrado micrófono e altofalante convértese nunha ferramenta para empregar a voz para controlar a reprodución multimedia, consultar información da Internet e controlar a electrónica doméstica, podendo incluso servir de monitor para cámaras de vixilancia compatibles.
No que se refire a reprodución de contidos, o Nest Hub pode aproveitarse para ver YouTube, reproducir cancións e vídeos musicais de YouTube Music e escoitar música de Spotify, o que non sempre serve para o lecer, de xeito que na cociña pode aproveitarse para ver vídeos nos que se explique como elaborar receitas, converténdose nunha ferramenta moi práctica (especialmente polo seu control en mans libres).
O Nest Hub é basicamente unha pantalla táctil de 7 polgadas equipada cun altofalante de alta calidade, un par de micrófonos de largo alcance, un sensor de luz ambiental, Bluetooth 5 e integración con Chromecast e o asistente de Google, ou sexa, unha solución máis para integrar a tecnoloxía de Google no noso fogar, aínda que cómpre salientar que en breve espérase que chegue ás tendas españolas o Lenovo Smart Display, produto moi semellante, pero de dimensións inferiores, de xeito que resulta máis práctico para o dormitorio (onde pode facer as funcións dun reloxo espertador moi completo).

Este novo altofalante conectado con pantalla semella un produto deseñado coa vista posta na cociña
Dende Google destacan a posibilidade de empregar o Nest Hub para monitorizar cámaras de seguridade

PUBLICIDADE