Netgear estrea routers con Wi-Fi 6

mércores, 7 de novembro do 2018 Marcus Fernández

A futura xeración de redes sen fíos, coñecida como Wi-Fi AX, pero que máis adiante recoñeceremos como Wi-Fi 6, comeza a ter routers comerciais, como o novo Nighthawk AX8 de Netgear, que vén de saír á venda nos EE.UU. a un prezo de 399,99 dólares. Con este novo estándar preténdese que o router poida manexar até 4 veces máis datos, e grazas ao seu procesador de 64 bits con catro núcleos a 1,8 GHz pode manexar varios Gbps de datos cunha baixa carga de procesador.
Netgear asegura que estamos ante o primeiro router doméstico con soporte de Internet Multi-Gig, o que consegue agregando 2 portos Gigabit Ethernet.
O Nighthawk AX8 é capaz de mover datos até a 6 Gbps, ten 6 portos Gigabit e 2 portos USB 3.0, pode xestionarse a través da aplicación móbil de Nighthawk, é compatible cos asistentes de voz de Google e Amazon (para poder controlar a redes Wi-Fi coa voz) e ten un amplo rango que debería ser capaz de cubrir vivendas de dimensións bastante grandes.
Temos así un equipo preparado para o futuro, que na primeira metade de 2019 recibirá a un irmán, o Nighthawk AX12, que contará con mellores antenas, mellor procesador e sería o primeiro router doméstico do mercado cun porto a 5 Gbps.

Vídeo promocional do Nighthawk AX8 de Netgear

PUBLICIDADE