Netgear lanzará a primeira solución NAS para 6 discos orientada ás PEME

martes, 29 de abril do 2008 Marcus Fernández

Os dispositivos de almacenamento en rede (NAS) para a PEME teñen unha grande demanda, e atendendo á mesma Netgear anunciou a primeira solución deste tipo con 6 baías para discos duros nun pequeno formato.
O ReadyNAS Pro permite conectar ata 6 discos duros SATA de 1 Tb de capacidade cada un, con dúas interfaces externas Gigabit Ethernet, o que garante un acceso rápido e redundante a este sistema de almacenamento dende equipos conectados á súa rede local. Cando se precise de garantir a integridade dos datos esta solución permite o seu uso mediante distintos tipos de configuracións RAID.
Para atender aos discos instalados, o ReadyNAS Pro funciona cun procesador Intel Core 2 Duo cunha memoria RAM de 1 Gb (ampliable ata 4 Gb) e 128 Mb de memoria Flash para o seu sistema operativo. Tamén inclúe 3 portos USB 2.0 que permiten a conexión de unidades USB e impresoras.
Esta nova solución NAS aparecerá no mercado o vindeiro outono a prezos que comezarán en 2.000 dólares.

PUBLICIDADE