Netgear presenta unha solución para achegar o Wi-Fi ao exterior dos fogares

xoves, 4 de xaneiro do 2018 Marcus Fernández

No marco do CES de Las Vegas Netgear está a presentar un novo complemento para a súa solución de redes Wi-Fi en malla Orbi, que facilita a súa ampliación a exteriores grazas á unidade satélite RBS50Y, que é compatible coas solucións Orbi Tri-banda para fogar e pequenas empresas e permite engadir até 232 metros cadrados de cobertura en exteriores sen ter que realizar instalacións de cable e facilitando así que as persoas que estean no xardín ou no patio poidan, por exemplo, gozar de contidos audiovisuais en streaming sen cortes.
Este satélite Orbi para exteriores soporta as inclemencias meteorolóxicas e herda as capacidades das unidades de interior, ou sexa, que é capaz de espallar a cobertura da rede principal do fogar, establece unha canle dedicada para a comunicación entre o satélite e o router e tamén crear unha rede Wi-Fi separada e segura para usuarios convidados. Tamén inclúe iluminación ambiental que pode programarse ou desconectarse.
O produto inicia a súa comercialización a semana que vén a un prezo de 329,99 dólares (274,44 euros) nos EE.UU., sendo bastante probable que a Europa chegue a un prezo de 329,99 euros se atendemos aos prezos que actualmente teñen as unidades satélite de interior.

O satélite Orbi conta con iluminación ambiental programable

PUBLICIDADE