Newtonlab Space, con sede na Coruña, presenta o primeiro escaparate holográfico do mundo

venres, 3 de febreiro do 2023 S. P.

Newtonlab Space, laboratorio holográfico con sedes na Coruña e Barcelona, e participada pola galega Nunegal, presentou en primicia (a nivel mundial) un escaparate holográfico de 4,5 metros de longo e 2,5 metros de alto, na feira ISE 2023. Trátase da instalación Show Window Max, pioneira no seu ámbito.
A empresa galego-catalá, especializada en holografía, telepresencia en 3D e tecnoloxía de Realidade Aumentada, empregou para o dito desenvolvemento a súa ampla bagaxe en técnicas holográficas e na creación dos seus propios produtos para sectores como o sanitario, o corporativo, o comercio retallista, a publicidade, os eventos ae automoción, entre outros.
Show Window Max é un dispositivo de gran formato que mostra hologramas de persoas e produtos reais a tamaño natural e en tempo real.
O dispositivo presentado en ISE por Newtonlab Space está pensado especificamente para ofrecer unha alternativa aos escaparates convencionais. No sector retallista, o escaparate virtual permite presentar coa máxima resolución e calidade novas coleccións e produtos a través de hologramas de modelos reais en 3D en movemento que, por exemplo, actúan como figuras humanas en 3D que se intercambian diferentes aspectos e feituras. Ademais de substituír os manequíns estáticos dos escaparates tradicionais, o dispositivo pode mostrar pases de moda virtuais en tempo real.
Segundo explica o Clúster TIC Galicia nunha ampla reportaxe sobre estas novidades, o Show Window Max presenta “infinitas propostas noutros ámbitos”. Por exemplo, no sector da automoción, o escaparate virtual de Newtonlab Space permite visualizar o coche que o cliente quere comprar a tamaño real coas características demandadas. Isto amplía a gama de modelos de coche dispoñíbeis nos concesionarios, soluciona a súa limitación de espazo e tranquiliza ao cliente ofrecendo unha experiencia inmersiva co modelo exacto que comprará. Show Window Max tamén ofrece unha solución alternativa para os zoolóxicos: propón un zoo holográfico para coñecer o mundo animal de forma virtual pero cun realismo extremo. No ámbito cultural, o dispositivo fai posible asistir a un museo e observar unha obra de arte a través do seu holograma.
O dispositivo conta con 4 pantallas LCD transparentes de 86 polgadas e resolución 4K para transmitir o máximo realismo, unidas verticalmente con iluminación LED interior. O escaparate virtual é modulábel, é dicir, pódese adaptar o seu tamaño segundo as necesidades e ampliar ou reducir o número de pantallas (desde 3 módulos ata 8).

PUBLICIDADE