Nikon prepara unha cámara con GPS e funcións sen fíos

mércores, 13 de agosto do 2008 Raquel Noya

A firma nipona Nikon Imaging Japan vén de anunciar o último proxecto no que está a traballar: a nova Coolpix P6000, unha cámara fotográfica capaz de xeoposicionar as fotos que se tomen e envialas directamente a través de Internet.
Grazas á incorporación dun GPS no corpo da cámara, as imaxes tomadas coa Coolpix P6000 inclúen información sobre o seu xeoposicionamento, é dicir, as coordenadas onde foi tomada cada unha para, por exemplo, adxuntalas de xeito doado en Google Earth.
Asemade, un cable LAN conectado directamente a unha base, permítelle ao usuario almacenar as súas imaxes directamente en my my Picturetown, o servizo de almacenamento en liña de Nikon na Rede.
A cámara é quen de subir e compartir as imaxes en formato NRW, un formato de datos RAW dedicado ás series Coolpix ou tamén en formato JPEG.
No tocante ás características técnicas, a Coolpix P6000 conta cunha resolución de 13,5 megapixeles, cun zoom óptico de catro aumentos, cunha sensibilidade ISO de 6400, con flash incorporado e cunha pantalla LCD de 2,7 pulgadas.
Tamén permite grabar imaxes de vídeo en formato AVI e conta cunha ranura para tarxetas SD e cunha memoria incorporada de 48 Mb.
A data de saída desta cámara ao mercado nipón está prevista para mediados do vindeiro setembro aínda que se descoñece se coincidirá coa chegada a Europa ou haberá que agardar un tempo para probar a “creación”.
Segundo veñen de afirmar na web Vnunet.es, o seu prezo rondará os 500 euros.

PUBLICIDADE