Nikon presenta unha nova cámara sen espello con aires retro

martes, 29 de xuño do 2021 Marcus Fernández

Nikon presenta hoxe unha cámara sen espello de formato DX Nikon Z fc, que destaca por ser a primeira cámara da serie Z cun deseño retro á vez que incorpora funcións avanzadas, ou sexa, que temos unha cámara moi moderna, pero que esteticamente está inspirada na cámara de carrete SLR Nikon FM2 que saíu á venda en 1982 e que foi unha das máis emblemáticas da marca. Esta cámara chega ao mercado acompañada por dous novos obxectivos que casan co seu estilo tradicional: o NIKKOR Z DX 16-50 mm f/3.5-6.3 VR Silver Edition e o NIKKOR Z 28mm f/2.8 SE.
A Nikon Z fc presenta un corpo compacto e lixeiro, con acabados en negro e prata, e unha parte superior moi clásica, na que están situados tres diais que controlan a velocidade de obturación, a compensación de exposición e a sensibilidade ISO, para poder así mudar os axustes dun xeito sinxelo. Tamén permite axustar a compensación de exposición de xeito automático e incluso integra 20 opcións creativas para que os usuarios poidan aplicar efectos dun xeito áxil e doado.
A cámara admite enfoque automático de detección de ollo e tamén de detección de animais na captura de imaxes estáticas e vídeo; conta cunha IOS de entre 100 e 51.200; pode transferir as fotografías e os vídeos gravados a un dispositivo móbil a través da aplicación SnapBridge; e incluso pode conectarse ao ordenador por USB para empregala a xeito de webcam.
No que a especificación se refire, podemos comentar que o seu sensor é de 20,9 Mpíxeles, pode disparar até 11 instantáneas por segundo, grava vídeo en 4K e ten conectividade Wi-Fi e Bluetooth. Inclúe tanto un visor OLED de 0,39 polgadas como unha pantalla TFT táctil de 3 polgadas de ángulo variable, de xeito que tanto podemos disparar instantáneas de xeito tradicional ou en ángulos complexos. Tamén podemos destacar que inclúe unha entrada de minijack (o que pode resultar moi práctico na gravación de vídeo empregando micrófonos externos).
A Nikon Z fc chegará ao mercado a finais de xullo a un prezo de 899 euros o corpo e 1.299 euros cos dous obxectivos mencionados anteriormente (prezos que inclúen un desconto de lanzamento de 100 euros).

A nova cámara busca atraer aos amantes do clásico que non queren prescindir do último a nivel fotográfico

Vídeo promocional da nova Nikon Z fc

PUBLICIDADE