Ninja Gaiden 3 destaca entre os Xogos con Gold de outubro

xoves, 26 de setembro do 2019 Marcus Fernández

A relación de xogos que recibirán os subscritores de pagamento de Xbox LIVE no mes de outubro vén de anunciarse, e parece ter entrado nunha tónica de xogos frouxos para Xbox One, mentres que os títulos de Xbox 360 son considerablemente superiores.
Os xogos que se recibirán para Xbox One en outubro serán o caótico Tembo The Badass Elephant, xogo que poderiamos considerar como totalmente irrelevante, ao que seguirá Friday the 13th: The Game, adaptación do filme Venres 13, que pese ás súas boas intencións está considerado como unha auténtica decepción.
En contraste temos que os xogos retrocompatibles que inicialmente saíron para Xbox 360 son títulos relativamente fortes, como Disney Bolt, xogo infantil baseado no filme do mesmo nome; e Ninja Gaiden 3: Razor’s Edge, unha entrega máis da serie de xogos de Ninja Gaiden, considerada todo un referente, que da man de Team Ninja conseguiu repartir grandes doses de acción en violencia. Razor’s Edge é o sufixo que indica que estamos ante unha versión mellorada da secuela de Ninja Gaiden II.

Vídeo promocional dos Xogos con Gold de outubro

PUBLICIDADE