Ninja Gaiden II pon fin a 20 anos de saga

venres, 6 de xuño do 2008 Marcus Fernández

Hoxe chega ás tendas españolas o agardado Ninja Gaiden II para Xbox 360 (que tamén conta cunha demo en Xbox Live) que se vende por 64,95 euros, que segundo Tomonobu Itagaki do Team Ninja, será o último xogo desta saga que comezara nas máquinas recreativas en 1988 (baixo o título Shadow Warriors) e continuou en múltiples plataformas tanto de ordenadores como de consolas de videoxogos, sorprendendo que esta entrega pareza unha segunda parte cando xa estreara unha terceira en 1991.

O Ninja Gaiden de 1988 dista moito do actual

Ninja Gaiden 2 sería a secuela dun primeiro Ninja Gaiden para Xbox, agora en alta definición e cun renovado motor gráfico, que nos introduce na pel de Ryu Hayabusa na súa misión de vingar ao seu clan e previr o exterminio da humanidade valéndose dun amplo repertorio de armas ninja.
O xogo presenta un sistema de combate realmente bo, de xeito que podería achegar as mellores loitas vistas na Xbox 360, pero non son poucos os que critican os tiros de cámara, que nalgún momento resultan bastante incómodos para o xogador e chegan a ser un atranco para o xogo. Este defecto o teñen moitos xogos, pero non era de agardar para un título dun nivel como Ninja Gaiden II, que presenta altas puntuacións en case todos os aspectos que se poidan analizar do mesmo, xa que os seus gráficos, animacións e sons están sumamente coidados, resultando difícil establecer ligazóns entre esta entrega e clásicos coma Renegade ou Double Dragon (aos que pretendía seguir esta saga, e que claramente superou).

PUBLICIDADE