Nintendo presenta numerosas novidades que chegarán a Switch en 2020

xoves, 26 de marzo do 2020 Marcus Fernández

Por sorpresa emitiuse hoxe un Nintendo Direct Mini, vídeo no que presentaron numerosas novidades sobre títulos e contido que chegarán a Nintendo Switch ao longo do ano, aínda que deixando claro dende o primeiro segundo que a COVID-19 pode provocar que cambios no calendario de lanzamentos, aproveitando a ocasión para expresar a preocupación e o apoio de Nintendo cara a todos os afectados polo coronavirus nestes tempos tan difíciles.
No vídeo puidemos ver de preto os xogos Xenoblade Chronicles: Definitive Edition (dispoñible en reserva, estando previsto o lanzamento para o 29 de maio) e Bravely Default II (que conta xa con demo), saber de novos títulos como Good Job! (estreado hoxe mesmo) e 51 Worldwide Games (dispoñible o 5 de xuño), e unha excelente sorpresa: 2K está a preparar versións para Switch de XCOM 2, Borderlands Legendary Collection e BioShock: The Collection (previstos os tres títulos para o 29 de maio). Cómpre avisar que estes xogos de 2K, ao incluír volumes de contido impresionantes, teñen unhas edicións físicas que precisan de descargas masivas de contido (por exemplo, Borderlands precisará da descarga de 41,6 GB de datos para ter os xogos completos), polo que moitos entenderán que o máis recomendable sería a súa compra en dixital.
No Nintendo Direct Mini tamén se presentou información sobre actualizacións de programa, eventos e contido descargable para Pokémon Espada e Pokémon Escudo, Animal Crossing: New Horizons, Ring Fit Adventure, Super Smash Bros. Ultimate e Marvel Ultimate Alliance 3: The Black Order (que recibe un DLC no que os 4 Fantásticos teñen que enfrontarse ao Dr. Doom).
Tamén podemos salientar que hoxe mesmo saíron á venda Panzer Dragoon: Remake e Star Wars Jedi Knight: Jedi Academy, clásicos que adaptaron o seu control ás consolas actuais para poder ofrecer unha experiencia satisfactoria pese a ter bastantes anos enriba. Tamén podemos destacar que o 7 de xullo sairá Catherine: Full Body en Switch, de xeito que a adaptación do Catherine de PS3 a PS4 chegará tamén á consola de Nintendo.
Entre outros anuncios tamén temos que Bethesda lanzará The Elder Scrolls: Blades en primavera (estación na que Microsoft Game Studios tamén quere sacar Minecraft Dungeons), en maio teremos Warhammer 40.000: Mechanicus, e incluso adiantouse que Electronic Arts quere lanzar Burnout Paradise Remastered ao longo do presente ano.
Estamos sen dúbida ante grandes novas por parte de Nintendo, xa que deixa claro que os desenvolvedores third party confían na Nintendo Switch como plataforma de xogo e preparan numerosos títulos de peso para a mesma.

Nintendo Direct Mini emitido hoxe por sorpresa

PUBLICIDADE