Nixon presenta un smartwatch con Android Wear robusto e resistente á auga

mércores, 16 de marzo do 2016 Marcus Fernández

A compañía californiana de reloxos e accesorios Nixon anunciou The Mission, o que aseguran que é o primeiro smartwatch do mundo ultra-reforzado, de xeito que sería válido para os deportes de acción, xa que soportaría un uso bastante agresivo e incluso sería somerxible (aguantando até 10 atmosferas, o que serían uns 100 metros de profundidade). Pero este dispositivo non só busca a resistencia, senón que tampouco prescinde de funcións avanzadas, xa que opera con Android Wear.
The Mission está equipado cun procesador Qualcomm Snapdragon Wear 2100 (deseñado especificamente para dispositivo wearables) e non limitaría a súa orientación ao deporte no seu hardware, senón que tamén conta cunha aplicación que achega información actualizada dos lugares e fai un seguimento da actividade do usuario (este software estaría orientado especialmente a surfeiros e esquiadores, que serían os deportistas que máis agradecerían este tipo de trebello). Ao empregar unha plataforma tan rica como Android Wear tamén sería compatible con aplicacións de terceiros que permitirían aproveitar aínda máis este accesorio.
Ese novo smartwatch presentarase á industria na feira Baselworld que desenvolverase entre os días 17 e 24, aínda que a súa data de lanzamento aínda non se concretou (sabéndose só polo momento que sairá á venda ao longo do ano).

Vídeo promocional do smartwatch The Mission

PUBLICIDADE