No Man’s Sky completa hoxe o seu lanzamento internacional

venres, 12 de agosto do 2016 Marcus Fernández

Algúns xogos, buscando innovar, conseguen captar unha grande atención por parte dos afeccionados, e ese é o caso de No Man’s Sky, unha aventura épica de ciencia ficción que se desenvolve a través dun universo infinito no que cada estrela no firmamento corresponderá a un sol distante orbitado por planetas cheos de vida dispostos para a súa exploración, animando así ao usuario a percorrer tal inmensidade descubrindo formas de vida únicas, á vez que se comercia e se combate para sobrevivir á vez que un misterio atraerá ao xogador ao centro da galaxia para descubrir a verdadeira natureza do cosmos nunha viaxe chea de perigos (polo que teremos que mellorar constantemente a nave, o traxe e as armas para sobrevivir).
O xogador ten liberdade para decidir se dá prioridade á loita, o comercio ou a exploración, xa que estamos ante unha proposta moi aberta e ambiciosa, que captou grande atención nos últimos meses, e que dende o pasado día 10 está dispoñible para PlayStation 4 a un prezo de 59,99 euros, mentres que a versión para PC fíxose agardar até hoxe.
Pese a que hai toda unha comunidade de usuarios axudando ao desenvolvemento do xogo dende hai un ano, o xogo está lonxe de ser perfecto, e durante os últimos días a xente de Hello Games non cesa de aplicar parches e procurar corrixir os fallos máis graves, para así evitar que a experiencia inicial se estrague, aínda que é todo un reto para un equipo tan pequeno, que está a verse superado polo número de xogadores e a duración media das partidas que converte en todo un reto analizar como se está a vivir este xogo que promete unha experiencia sen igual.

Tráiler de lanzamento de No Man’s Sky para PlayStation 4

PUBLICIDADE