Noa Innova formará en dixitalización a persoas desempregadas de máis de 45 anos

xoves, 22 de outubro do 2020 Sonia Pena

A Consellería de Emprego e Igualdade adxudicou á empresa lucense Noa Innova un plan piloto de formación para capacitar dixitalmente a persoas desempregadas de máis de 45 anos. Trátase do Proxecto Piloto Sénior Dixital, que Noa Innova vai iniciar este mes de outubro abordando a relevancia de transformar non só as empresas de cara a nova realidade, senón tamén o noso propio adestramento e coñecemento profesional.
A empresa porá en xogo unha contorna totalmente dixital de formación en liña, con contidos sobre as posibilidades que nos abre a informática na nube e os principais recursos e servizos para tirar proveito dela (por exemplo Google Drive, que centrará parte da actividade, poñendo o foco nas súas potencialidades para operar en remoto, traballar en equipo, almacenar e manexar grandes cantidades de datos e executar proxectos colaborativos online).
Como dixemos, o Piloto Sénior Dixital busca mellorar a empregabilidade daquelas persoas desempregadas de longa duración e maiores de 45 anos de toda Galicia, “xa que o mercado laboral mostra un aumento da demanda de perfís profesionais que, ademais de presentar unha cualificación e formación determinada, posúan tamén competencias transversais, especialmente en dixitalización e/ou habilidades persoais”, explica a empresa lucense, engadindo que a incidencia da COVID non fixo máis que intensificar estas necesidades e estas demandas, “xa que as empresas necesitan incorporar ao seu persoal persoas resilientes e con capacidade de adaptación ao traballo colaborativo para afrontar de xeito eficiente as novas contornas laborais”.
O curso desenvolverase en modalidade online, a través dunha plataforma de teleformación que Noa Innova cualifica de “sinxela e intuitiva”, á que se pode acceder desde calquera dispositivo (smartphone, computador, tableta). Cada módulo contará cun titor especializado con ampla experiencia profesional en empresas privadas e como docentes de teleformación. Incluirá sesións en streaming nas que os titores traballarán os contidos para apoiar os coñecementos teóricos adquiridos polos alumnos. Ao longo de toda a duración do curso, os participantes terán á súa disposición unha orientadora que, por unha banda, impartirá un módulo sobre traballo en equipo, e por outro dará apoio laboral aos participantes durante todo o itinerario formativo para obter a súa inserción laboral.

PUBLICIDADE