Nokia dirixe as súas novidades aos mercados emerxentes

luns, 24 de febreiro do 2014 Marcus Fernández

A nova familia Nokia X parte de móbiles con pantallas de 4 e 5 polgadas

O Mobile World Congress de Barcelona está a comezar con moita forza, e unha compañías que principia amosando as súas novidades para este evento é Nokia, que decidiu aproveitar o encontro para apuntar a mercados emerxentes e ao sector dos móbiles de gama baixa, que son terreos nos que a compañía é líder. Deste xeito, as novidades presentadas hoxe van en dúas direccións: por unha banda temos novos móbiles da familia Asha e, por outra, estréase a familia X, con terminais baseados en Android (o que sería unha grande sorpresa se non houbese numerosas filtracións durante os últimos meses).

Nokia 220

O móbil máis económico presentado hoxe sería o Nokia 220, que por 29 euros ofrecería un terminal con pantalla de 2,4 polgadas (cunha resolución de 320 x 240) e teclado físico, cámara de 2 Mpíxeles, dobre SIM e a posibilidade de acceder á Rede por 2G para facer uso de aplicacións como Facebook ou Twitter, así como navegar pola web a través do Nokia Xpress Browser. Un terminal demasiado básico para boa parte do mundo, pero moi atinado para certos mercados emerxentes.

Nokia Asha 230

Un pouco máis ambicioso é o Nokia Asha 230, que parte dun prezo de 45 euros, o que é unha das opcións máis económicas que poderemos atopar para un terminal con pantalla táctil que conta con aplicacións para acceder a Facebook, Twitter, WhatsApp, LINE e WeChat. O seu tamaño é moi compacto (99,5 x 58,6 x 13,2 milímetros), pesa 89,2 gramos, ten unha pantalla de 2,8 polgadas (cunha resolución e 320 x 240 píxeles), cámara de 1,3 Mpíxeles, dobre SIM, batería de 1020 mAh e conectividade 2G, ou sexa, outro móbil para mercados nos que é crucial ter un terminal de prezo reducido e o acceso á Rede realízase a través de comunicacións bastante deficientes.

Nokia estrea móbiles con Android

A curiosa aposta de Nokia por entrar en Android é moi rechamante por feito de que a compañía finlandesa está a ser absorbida por Microsoft, pero estamos ante unha decisión que non busca abrirse a Google, senón ofrecer unha serie de terminais a prezos moi económicos que poidan servir como smartphones de entrada, conseguindo así chegar a un número de usuarios moi grande, aos que poderase ofrecer un amplo catálogo de aplicacións grazas ás facilidades que Nokia porá para adaptar as existentes aplicacións para Android aos seus novos dispositivos.
Polo momento xa está confirmada a presenza de Facebook, LINE, Twitter, Viber, Vine, WeChat, Spotify e moitas outras aplicacións consideradas por moitos como imprescindibles no momento no que saian ao mercado os novos dispositivos Nokia X, entre os que incluso estará BBM, a solución de mensaxería de BlackBerry, sen faltar tamén xogos como Plants vs. Zombies 2 ou Real Football 2014.
Estes novos móbiles tamén incluirán o software de navegación HERE Maps, o servizo Nokia MixRadio, acceso ao servizo de almacenamento na nube de Microsoft (OneDrive), Skype, Outlook.com... ou sexa, que gozará dunha serie de produtos aos que os usuarios de Windows Phone están afeitos, pero adaptados a Android.
Cómpre destacar que aínda que os novos dispositivos estean baseados en Android, non contarán coa tenda de aplicacións de Google Play, senón que terán unha Nokia Store, na liña do que Amazon fai cos seus tablets Kindle, o que facilita que Microsoft non teña que cederlle terreo a Google nos seus dispositivos.
Os dispositivos con Android de Nokia serán bastante básicos, con procesador Qualcomm Snapdragon 8225 de dobre núcleo a 1 GHz, pantalla IPS cunha resolución de 800 x 480 píxeles, lector de tarxetas microSD de ata 32 Gb e conectividade 3G, Wi-Fi N e Bluetooth 3.0, que parten do Nokia X, que por 89 euros ofrecerá 512 Mb de RAM, pantalla de 4 polgadas e cámara de 3 Mpíxeles; mentres que o Nokia X+ por 99 euros engade unha tarxeta microSD de 4 Gb e conta con 768 Mb de RAM; e o Nokia XL por un prezo de 109 euros consegue unha configuración máis digna, con pantalla de 5 polgadas, cámara traseira de 5 Mpíxeles con enfoque automático e flash e cámara frontal de 2 Mpíxeles, aínda que o seu peso sube ata os 190 gramos (fronte aos 128,66 gramos dos seus irmáns pequenos).
Haberá que ver agora se esta proposta de Nokia consegue callar no mercado a partir do segundo trimestre do ano, pois resulta un tanto arriscado ofrecer terminais con Android fuxindo de Google, cuns prezos demasiado próximos a outros terminais da competencia, aínda que podería xogar un papel decisivo na súa acollida por parte do público que estamos ante móbiles cun bo acabado en cores rechamantes (na liña da familia Lumia).


Vídeo de presentación da nova familia Nokia X

PUBLICIDADE