Nova cámara 3D de baixa tecnoloxía

mércores, 15 de xuño do 2011 Marcus Fernández

A simplicidade e o baixo prezo da cámara faina apta para un público infantil

Xa temos comentado a posibilidade de recuperar o espírito dos visores View-Master para amosar imaxes estereoscópicas para tomar fotografías 3D de baixa tecnoloxía, e grazas a iso podemos democratizar ese tipo de imaxes con dispositivos como a nova cámara dixital DXG-018 3D, que está xa dispoñible nos EE.UU. por 69,99 dólares (49,41 euros) en distintas cores (rosa, lavanda, verde, laranxa e amarelo) xunto cun visor (os visores tamén poden adquirirse en paquetes de 5 por 12,99 dólares) apto para ver en 3D as fotografías tomas tras a súa impresión nun tamaño estándar (de 10 x 15 centímetros).
Esta curiosa cámara está deseñada para un uso moi sinxelo, o que xunto co seu prezo faina moi apta para o seu uso por cativos. As imaxes 3D tómanse utilizando como referencia dous sensores de CMOS de 0,3 Mpíxeles dando lugar a unha imaxe estereoscópica (composta por dúas imaxes en paralelo) de 1,3 Mpíxeles (mediante interpolación), almacena as imaxes en tarxetas SD, utiliza como visor unha pantalla TFT de 1,44 polgadas e funciona con 2 pilas AAA.
Unha interesante proposta para achegarnos á fotografía 3D sen facer un alto investimento.

O visor incluído coa cámara facilita a visualización estereoscópica das fotografías tomadas

PUBLICIDADE