Nova webcam de Microsoft para usuarios camaleónicos

mércores, 21 de maio do 2008 Raquel Noya

Coa alza dos servizos de mensaxeiría instantánea (que agora incluso se usan a través do teléfono móbil) e a progresiva mellora das infraestruturas de conexión, son cada vez máis precisos novos dispositivos que faciliten a interacción entre os usuarios mediante vídeo conferencia así como novas funcionalidades para compartir arquivos.
Para iso, Microsoft vén de lanzar hoxe en España a súa agardada webcam Lifecam VX-5000, un modelo que pretende “sorprender a propios e estraños con orixinais funcionalidades como o MSN Photo Swap e un deseño atractivo e persoalizable”.
Esta webcam é apta tanto para aqueles que empregan o ordenador portátil como para os que usan o de sobremesa xa que goza dun soporte que se adapta a tódalas superficies e que permite orientar a webcam cara calquera dirección de xeito doado e práctico.
A Lifecam VX-5000 foi deseñada para ofrecerlles aos usuarios unha tecnoloxía que favorece o intercambio de experiencias en tempo real xa que vén optimizada para Windows Live coa última versión do software Lifecam. Algunha das características máis salientables deste gadget son:
- Botón para Windows Live Call, situado na parte superior da cámara, que lle permite aos usuarios acceder directamente aos contactos que se atopan en tempo real en liña e comunicarse con eles.
- Óptica VGA cunha resolución de vídeo 640x480 e fotografías de 1,3 megapíxels interpolados.
- Micrófono unidireccional incorporado con redución de sons de fondo.
- Opcións de formato panorámico e zoom dixital 3X.
Asemade, esta webcam vén cun anel coloreado incorporado que decora a súa cara frontal; este anel é intercambiable e vén en tres cores: azul, vermello e verde.
O prezo da Lifecam VX-5000 é de 49,90 € e está dispoñible nas tendas dende hoxe.

PUBLICIDADE