Nova webcam xiratoria de alta definición de Logitech

martes, 14 de xuño do 2011 Marcus Fernández

Pese a que moitos equipos informáticos integren unha cámara web para realizar videoconferencias, estas tenden a ser de pouca resolución e orientación fixa, de aí que aínda exista mercado para dispositivos como a Logitech HD Webcam C615, que chegará ás tendas en breve a un prezo de 79,99 euros, e que permite gravar vídeo con enfoque automático en alta definición (1.080p) e mesmo realizar videoconferencias en alta definición (720p) coa meirande parte das aplicacións de mensaxería instantánea (e Logitech Vid HD) tanto para Windows como para Mac OS X.
Para facilitar a publicación de contidos na web, esta cámara de Logitech inclúe software que permite publicar vídeos a 1.080p en Facebook, Twitter e YouTube con só premer un botón facilitando a comunicación cos nosos achegados.
Cómpre destacar que esta cámara pode xirar 360 graos e é compatible con trípodes, de xeito que ten unha grande versatilidade. Tamén pode empregarse para tomar instantáneas de ata 8 Mpíxeles.

PUBLICIDADE