Novas cámaras sen espello de Nikon

mércores, 21 de setembro do 2011 Marcus Fernández

Nikon presentou un par de novas cámaras dixitais sen espello con lentes intercambiables, que buscan achegar unhas prestacións comparables a unha cámara réflex cun deseño máis compacto. A Nikon V1 e J1 comparten moitas características, como sensor CMOS de 10,1 Mpíxeles, conexións USB e HDMI, modo de captura de cámara lenta (1.200 imaxes por segundo), pantalla LCD de 3 polgadas, disparo de 10 ráfagas por segundo, visor electrónico de alta resolución, e gravación de vídeo en alta definición (1.080p a 30 cadros por segundo ou 720p a 60 cadros por segundo).
Atendendo ás diferenzas, a Nikon J1 destacaría por contar cun flash integrado, redución de ruído na gravación de vídeo, un sistema de enfoque automático de 73 puntos, motor de procesamento de dobre núcleo EXPEED e a posibilidade de gravar vídeo ata 29 minutos nun único ficheiro (superando o tope de 5 minutos que tiñan as súas predecesoras); mentres que a Nikon V1 conta con visor electrónico, flash externo, entrada de micrófono estéreo, un porto multi-accesorio (para, por exemplo, conectar un módulo de GPS) e un chasis de aliaxe de magnesio.
Estas cámaras chegarán ao mercado norteamericano o 20 de outubro a 649,95 dólares a Nikon J1 e a 899,95 dólares a Nikon V1.

A nova familia de cámaras presentada por Nikon

PUBLICIDADE