Novidades na aplicación móbil municipal do Concello de Ourense

venres, 31 de marzo do 2023 S. P.

O Concello de Ourense vén de incorporar importantes novidades sobre a aplicación móbil municipal (MOUbil), cuxa versión de probas foi presentada a finais de novembro de 2021 e que foi deseñada e desenvolvida polo director xeral de Innovación do Centro de Intelixencia Artificial da cidade, David Olivieri. Entre as novidades incorporadas á ferramenta, que chegou xa á súa versión 1.0.9, figuran as seguintes: servizo Pet-Friendly (engadida listaxe de establecementos que permiten a entrada de persoas en compañía dos seus animais, listaxe que recibirá novas incorporacións a través de soporte.moubil@ourense.gal), Veterinarios (recurso informativo sobre os centros veterinarios e a súa localización no mapa) e Paradas de Taxi (tamén localizadas no mapa).
Tamén foron engadidas funcionalidades de avisos (servizo que emite o aviso e posibilidade de anexar un documento), contacto e incidencias, a liña C17 na sección de autobuses e a posibilidade de efectuar xeolocalizacións (engádese o emprazamento xeográfico actual do dispositivo para poder consultar a distancia coa marquesiña na sección de mapa) e corrección de bugs.
Máis servizos
A aplicación naceu co obxectivo de “facilitar unha canle de comunicación coa cidadanía, e proporcionar información, axuda e noticias sobre a cidade, nunha soa aplicación”. Conta, de base, con apartados coma os que seguen:
-eGoberno: Para conectar con todos os departamentos e áreas do Goberno local.
-Cultura: Para coñecer e ter a un clic os próximos eventos culturais.
-eOficina365: Para acceder a documentación oficial, escritos e notificacións ao instante.
-Turismo: Para coñecer atractivos turísticos, patrimonio, roteiros e gastronomía.

PUBLICIDADE