Novo MacBook con carcasa de policarbonato branco

mércores, 21 de xaneiro do 2009 Marcus Fernández

O pasado outubro Apple renovou en aparencia e potencia os seus portátiles MacBook, incorporando una carcasa de aluminio e unha potencia gráfica que fai aos equipos moito máis versátiles, mantendo o vello modelo de carcasa branca no mercado para poder ofrecer así un equipo portátil por menos de 1.000 dólares (e que en España se vende por 899 euros), que finalmente, e sen previo anuncio por parte de Apple, melloran as súas prestacións técnicas, polo que nos EE.UU. xa se poden adquirir sen incremento de prezo estes equipos co dobre de memoria RAM (2 Gb) e unha tarxeta gráfica nVIDIA GeForce 9400M, que substitúe á cativa Intel GMA X3100.
O novo equipo conserva a súa carcasa de policarbonato branco e incluso o seu porto FireWire (desaparecido nas carcasas unibody por desgraza para os seus usuarios, que estaban afeitos a contar con este tipo de conexión nos equipos de Apple). Como desvantaxe quedaría que continúan a utilizar memoria DDR2 (cando os novos modelos xa pasaron á DDR3) e a súa velocidade baixaría 100 MHz (o que non debería notarse en absoluto xa que o bus de datos pasa de 800 a 1.066 MHz).
Temos así un equipo portátil de Apple que realmente se axusta ás necesidades de moitos usuarios, combinando unhas boas prestacións cun prezo bastante atractivo, mentres que o feito de non contar cunha carcasa de aluminio podería incluso ser unha vantaxe de cara ao mantemento do hardware do equipo (ao que será máis doado cambiar a batería, por comentar un exemplo).
Aínda non se coñece cando a actualización deste portátil chegará a España, pero é de supor que o faga nos vindeiros días.

PUBLICIDADE