Novo gravador de TDT HD de Energy Sistem

mércores, 29 de decembro do 2010 Marcus Fernández

A chegada da Televisión Dixital Terrestre de alta definición limitou as posibilidades dos gravadores de vídeo actuais (que quedan limitados ás canles de televisión de definición estándar) de aí que cheguen ao mercado dispositivos coma o Energy P3450 HDTV REC, un gravador de vídeo que integra un sintonizador de TDT de alta definición, de xeito que pode almacenar os contidos televisivos en tarxetas de memoria SD/SDHC/MMC, unidades de memoria USB e incluso un disco duro SATA interno de 3,5 polgadas formatado en FAT32 ou NTFS.
O dispositivo tamén conta con funcións como a pausa en directo (timeshift) e a reprodución multimedia con soporte de imaxes (JPEG, BMP e PNG), música (MP3 e WMA) e vídeo (VOB, MPG, TS, MOV, MP4, AVI e MKV con soporte de subtítulos SMI, SSA e SRT).

O gravador pode adquirirse sen disco duro interno, para instalarllo posteriormente

No tocante á súa conectividade co televisor, dispón de múltiples saídas: HDMI, vídeo composto (RCA), euroconector, compoñentes e audio dixital S/PDIF (óptica).
O seu prezo de venda sen disco duro é de 79,90 euros, resultando a opción máis atractiva para facerse con este gravador, posto que os discos duros SATA poden conseguirse a prezos moi atractivos (unha unidade de 500 Gb pode atoparse en tendas de informática por menos de 40 euros), resultando os modelos con disco duros integrados menos rendibles (con 500 Gb custaría 169 euros).

O dispositivo pode gravar no seu disco duro interno ou en unidades USB e tarxetas SD

PUBLICIDADE