Novo rato de Logitech optimizado para Windows 8

mércores, 16 de outubro do 2013 Marcus Fernández

Para un cómodo control de ordenadores con Windows 8 Logitech pon á venda por 41,50 euros o seu novo rato sen fíos M560, que ten unha forma ergonómica que facilita o descanso tanto da man esquerda como da dereita, un agarre agradable nunha zona suave para tal efecto e con botóns que contribúen á nosa produtividade.
O Logitech Wireless Mouse M560 ten unha precisa roda de desprazamento pulsable xunto á que hai un pequeno botón que ofrece acceso cunha única pulsación á barra de aplicacións e á barra de accesos de Windows 8. Nun lateral tamén conta con 2 botóns destinados ao seu uso co dedo polgar, para cambiar rapidamente entre aplicacións (os botóns poden personalizarse a través da aplicación Logitech SetPoint).
O rato comunícase co ordenador a través dun pequeno receptor USB Logitech Unifying (que permite recibir o sinal de varios dispositivos da marca de xeito simultáneo sen ter que ocupar máis portos do noso equipo) e funciona cunha pila AA (incluída). Está dispoñible tanto en branco como en negro e, aparte de funcionar con Windows 8, tamén é compatible con Windows 7.

O novo rato de Logitech ten unha forma deseñada para un uso confortable

PUBLICIDADE