Novo reprodutor de DVD da galega Blusens

xoves, 16 de febreiro do 2012 Fernando Sarasketa

A multinacional Blusens, con sede principal en Santiago, está a presentar estes días novo produto para o lecer tecnolóxico ligado ao audiovisual. Trátase do reprodutor de DVD e karaoke L140, un aparello que destaca entre outras cousas polo amplo abano de entradas e saídas que achega (destinadas a ampliar até onde sexa posíbel a súa marxe de uso no fogar), incluídas unha saída de audio e vídeo composto e outra de vídeo por compoñentes. Tamén conta con sinal de saída en PAL, NTSC ou Auto, e máis cunha ferramenta para o control de contidos en caso de que haxa nenos na casa.
É compabítel con múltiples tipos de discos e formatos de audio e vídeo, incluídos MPEG4 (tamén coñecido como XviD), DVD, VCD, SVCD, KVCD ou AVI..
Asemade, incorpora sistema de reprodución dende porto USB. Tamén inclúe mando a distancia con baterías e cable de conexión RCA. As súas dimensións son 22,5 x 22 x 4,8 cm. Para máis información, Blusens pon a disposición dos seus clientes unha ficha en PDF con tódalas características e posibilidades do seu produto.

PUBLICIDADE