Novo reprodutor portátil de Blusens con pantalla táctil

martes, 14 de setembro do 2010 Marcus Fernández

A electrónica de consumo é un sector moi dinámico, no que as compañías teñen que renovar o seu catálogo constantemente, de aí que a galega Blusens estree o seu reprodutor multimedia portátil P71, que sorprende por contar cunha pantalla táctil LCD de 3 polgadas cunha resolución de 400 x 240 píxeles, con acelerómetro (para rotar automaticamente os contidos en pantalla).
O Blusens P71 reproduce audio (MP3, WAV, WMA, FLAC, OGG, APE) e vídeo (AVI, MPEG-4, XviD, VCD, SVCD, KVCD, FLV, 3GP, WMV), amosa imaxes (JPEG, GIF, PNG e BMP) incluso durante a reprodución musical, pode ler documentos de texto (TXT). Conta con altofalante traseiro, radio FM, gravador de voz e radio, cronómetro, calendario, xogos e conectividade USB 2.0.
O dispositivo mide 90 x 51 x 15 milímetros, pesa 68 gramos e véndese en capacidades de 4 e 8 Gb a 79 e 99 euros respectivamente, aínda que tal capacidade pode ampliarse mediante tarxetas de memoria microSD. A súa autonomía é de 15 horas para a reprodución musical e de 4 horas para a reprodución de vídeo.
O modelo de 4 Gb estará dispoñible en branco e violeta, mentres que o de 8 Gb venderase en negro. Aparte de cores atractivas, a súa carcasa é de neopreno, evitando que esvare e protexendo o reprodutor de golpes.

PUBLICIDADE