Novo tablet chinés con Windows 7

venres, 12 de novembro do 2010 Marcus Fernández

Aínda que nos últimos meses parece que todos os tablets que buscan competir co iPad veñen co sistema operativo Android, algúns fabricantes son máis ousados, e a pequena compañía taiwanesa First International Computer Inc (FIC) anuncia o seu primeiro tablet chamado Tycoon, que ten unha pantalla táctil de 10,1 polgadas, procesador Intel Atom N455, 2 Gb de RAM, disco duro de 120 Gb, Wi-Fi, un peso de 840 gramos e, sorprendentemente, o sistema operativo Windows 7 Home Premium.
Este equipo sae á venda esta fin de semana a un prezo de 19.800 dólares de Taiwán (478,52 euros) anunciándose nunha canle de teletenda e máis adiante tamén se comercializará a través de operadores de telecomunicacións (Vibo Telecom xa encargou 3.000 Tycoon).
O FIC Tycoon está orientado a usuarios profesionais que queren algo máis transportable que un ultraportátil sen perder funcionalidades, o que conseguen co reducido peso deste equipo que pretende vender máis dun milleiro de unidades ao mes no mercado local, aspirando a colocar ata 50.000 unidades/mes a nivel internacional.

PUBLICIDADE