Novo tablet chinés con controis físicos para unha mellor experiencia de xogo

luns, 5 de agosto do 2013 Marcus Fernández

Os afeccionados aos videoxogos que gusten tanto dos títulos para dispositivos móbiles co sistema operativo Android ou de xogos clásicos a través da emulación teñen como unha moi boa opción certos tablets chineses que integran controis físicos como o JXD S7300, do que falamos a primeiros de ano, e do que agora sabemos dun modelo máis moderno, o JXD S7800B, que sairá a finais de agosto ou primeiro de setembro a un prezo de 169,99 dólares (uns 128 euros con portes incluídos) que supón unha mellor moi significativa, por funcionar cunha pantalla IPS de 7 polgadas cunha resolución de 1.280 x 800 píxeles, procesador RockChip 3188 de catro núcleos a 1,8 Gb (con gráfica Mali 400), 2 Gb de RAM, 8 Gb de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas de memoria de ata 32 Gb) e sistema operativo Android 4.2.2.
Este atractivo tablet orientado ao xogo inclúe 9 emuladores que facilitan o uso de xogos da primeira PlayStation, de Ninntendo 64, recreativas de Capcom e Neo-Geo, Game Boy Advance, Nintendo, Super Nintendo e Megadrive, pode aproveitar os seus mandos físicos con xogos que soporten tal función ou a través dunha ferramenta que mapea os controis táctiles cos mandos físicos e tamén permite a reprodución multimedia de vídeos ata 1.080p (contando con saída HDMI para poder velos no televisor). Este atractivo trebello conta con cámara traseira de 0,3 Mpíxeles, Wi-Fi N, USB 2.0 e batería de 5.000 mAh, e os usuarios que queiran gozar dun modelo máis portátil, tamén chegará con pantalla de 5 polgadas como JXD S5800.

O tablet JXD S5800 será un modelo semellante ao S7800, pero con pantalla de 5 polgadas

PUBLICIDADE