Novo todo-en-un portátil e táctil de Acer

xoves, 5 de decembro do 2013 Marcus Fernández

Acer presentou hoxe nos EE.UU. un novo ordenador todo-en-un, o Acer Aspire Z3-600, que destaca por ser relativamente portátil, xa que este equipo integrado nunha pantalla táctil Full HD de 21,5 polgadas integra unha batería cunha autonomía de ata dúas horas e media, de xeito que podería separarse temporalmente do escritorio para usos puntuais (mirar receitas na cociña, xogar cos cativos no salón...) podendo empregase como se fose un monitor (aproveitando a súa peaña traseira) ou como un tablet.
O novo equipo funciona con Windows 8, procesador Intel Pentium J2580 de catro núcleos, gráfica Intel HD, 4 Gb de RAM e ata 750 Gb de disco duro; integra 1 porto USB 3.0 e 2 portos USB 2.0 e incluso conta cunha entrada HDMI para poder aproveitar a pantalla para conectar a consola de videoxogos ou outro dispositivo con saída de vídeo. No tocante á multimedia, o Aspire Z3-600 ten altofalantes de 2,5 W e unha cámara web de alta definición. Sairá á venda este mesmo mes a un prezo de 779 dólares (570 euros).

PUBLICIDADE