Novo visor 3D sen lentes de Fujifilm

mércores, 2 de novembro do 2011 Marcus Fernández

Ante a emerxencia de distintos dispositivos que permiten capturar contidos en 3D tamén xurde a necesidade de poder visualizalos dun xeito confortable, de aí que Fujifilm presente a súa pantalla FinePix REAL 3D V3, que cun tamaño de 7,2 polgadas e unha resolución de 800 x 600 píxeles presenta fotografías e vídeos en 3D sen precisar de lentes. Os contidos pode cargalos dende a súa memoria interna (de 512 Mbytes), tarxetas de memoria SD/SDHC e incluso HDMI (de empregar como fonte un dispositivo 3D, como unha cámara de vídeo ou un reprodutor de Blu-ray 3D).
Fujifilm xa leva tempo con cámaras 3D no mercado, e pantallas deste tipo, pero esta versión supón unha actualización da súa tecnoloxía, mellorando principalmente o seu brillo (340 cd/m2) e ofrecendo un ángulo de visión de 160 graos en horizontal e 140 graos en vertical.
Este visor é compatible con imaxes 3D en formato MPO e imaxes 2D en formato JPEG, soportando tamén vídeo en AVI (M-JPEG) tanto en 2D coma en 3D, podendo utilizarse tamén como calendario e reloxo. Mide 188,8 x 153,5 x 28,2 milímetros, pesa 415 gramos e inclúe un mando a distancia para controlar as súas funcións dun xeito cómodo. Sairá á venda o vindeiro 12 de novembro.

PUBLICIDADE