Novo xogo de Layton para Nintendo Switch

venres, 8 de novembro do 2019 Marcus Fernández

Aínda que a saga do Profesor Layton chegou á súa fin hai tempo, a franquía resístese a abandonarnos, levando agora os seus xogos de quebracabezas a Nintendo Switch con títulos como El Misterioso Viaje de Layton: Katrielle y la conspiración de los millonarios, no que podemos ver como a filla do célebre profesor segue os pasos do seu pai resolvendo misterios.
Aínda que os xogos de Layton tiveron grande éxito en dispositivos portátiles, coa Switch tamén poderemos xogar na pantalla do televisor (facilitando que outros usuarios poidan botar unha man), adaptándose o xogo aos distintos sistemas de control para desenguedellar os misterios.
Nesta nova aventura Katrielle contará coa compañía do mozo Howerd Phanon e do cadelo Sheri, que axudarana a xuntar pistas, resolver enigmas e atopar a lóxica de distintas situacións.
Este novo xogo sería o máis completo da franquía de Layton, incluíndo máis de 40 quebracabezas exclusivos de Switch, o que fai un total de máis de 550, o que, sumando as posibilidades da Switch, fai que esteamos ante a edición máis completa que hoxe saíu á venda por 39,99 euros.

Tráiler de lanzamento do xogo

PUBLICIDADE