Novos detalles de Xbox Series X

luns, 24 de febreiro do 2020 Marcus Fernández

Microsoft non quere agardar á presentación oficial das súas consolas de nova xeración, e hoxe adianta que a Xbox Series X será un auténtico portento gráfico, cun procesador que tirará proveito das últimas arquitecturas Zen 2 e RDNA 2 de AMD, de xeito que os desenvolvedores poderán aproveitar os 12 TFLOPS da súa unidade de procesamento gráfico, o que supón un desempeño que dobra o da Xbox One e multiplica por 8 o da Xbox One orixinal, o que permitirá xogos máis detallados e con maiores velocidades de refresco, conseguindo unha experiencia nunca antes vista nunha consola de videoxogos.
Dentro do apartado gráfico tamén detallan que Xbox Series X utilizará Variable Rate Shading (VRS), un método que non destina o mesmo esforzo gráfico a todos os puntos en pantalla, senón que pode dar prioridade a efectos individuais en personaxes específicos do xogo ou a obxectos ambientais importantes, conseguindo así manter animacións máis estables e maiores resolucións de pantalla. Tamén conseguirá un maior realismo grazas ao uso de DirectX Raytracing, tecnoloxía de aceleración por hardware que consegue uns efectos de iluminación fieis á realidade.
Outros puntos fortes das novas consolas será o uso de almacenamento SSD (reducindo os tempos de carga), da función Quick Resume (que permitirá reanudar múltiples xogos de xeito case inmediato, sen ter que agardar ás pantallas de carga), DLI (sistema de entrada con latencia dinámica para optimizar a resposta dos mandos sen fíos), HDMI 2.1 (que aproveitará as altas velocidades de refresco que permiten algúns televisores) e a posibilidade de xogar a 120 imaxes por segundo.
Dende Microsoft tamén farán unha grande aposta pola compatibilidade de xogos, de xeito que as novas máquinas poderán correr títulos de todas as xeracións anteriores de Xbox, experiencia que poderá ser espectacular grazas á función de entrega intelixente (Smart Delivery) que procurará que nos xogos nos que sexa posible o usuario reciba sempre a mellor versión do título que teña adquirido, de xeito que non terá que mercar versións dun mesmo xogo para futuras consolas (funcionalidade que garanten nos títulos de Xbox Game Studios) e, como vén sendo habitual, as novas consolas funcionarán con Xbox Game Pass, de xeito que os que estean subscritos a este servizo poderán gozar do seu catálogo de xogos sen problema. Deste xeito, as novas consolas terá multitude de xogos dende o día 1, e non como aconteceu con consolas anteriores, nas que os primeiros meses de vida da consolas levaban a unha infrautilización das mesmas por falta de catálogo.

PUBLICIDADE