Novos móbiles Nokia Supernova

venres, 27 de xuño do 2008 Marcus Fernández

Nokia presentou hoxe 4 novos terminais baixo o selo Supernova que responden aos modelos 7210, 7310, 7510 e 7610 e que pretenden responder á necesidade dos consumidores a expresar o seu estilo persoal a través de distintos deseños de móbil (os terminais, agás o 7210, teñen carcasas intercambiables Xpress-On). Estes novos móbiles mesturan varias cores no seu deseño, polo que resultan bastante orixinais e rechamantes.
O Nokia 7610 Supernova conta con carcasas vermellas ou azul aceiro, conta coa posibilidade de capturar calquera cor para poder aplicala ao seu fondo de pantalla e mesmo á tecla de iluminación. Inclúe unha cámara de 3,2 Mpíxeles cun flash con dobre LED, teclado deslizante, reprodutor de MP3, radio FM e acceso á Nokia Music Store. Venderase a partir do 3º trimestre do ano a 225 euros.
O Nokia 7510 Supernova é o único modelo desta nova serie que ten formato de cuncha, conservando a aposta cromática dos outros terminais. A súa cámara é de 2 Mpíxeles con flash LED, inclúe unha tarxeta microSD de 512 Mb, recibe radio FM, reproduce MP3, pode acceder a Nokia Maps 1.2 e soporta A-GPS. Sairá á venda no 4º trimestre do ano a 180 euros.
O Nokia 7310 Supernova recupera o formato de pastilla, conta con carcasas Xpress-On moi rechamantes (con atrevidas texturas 3D), cámara de 2 Mpíxeles, saída de televisión, radio FM con RDS e reprodutor de MP3. Venderase nos vindeiros días a uns 155 euros.
E, finalmente, o Nokia 7210 Supernova é o terminais máis baixo da gama, que se venderá a partir do 3º trimestre do ano por 120 euros, o que non impide que conte cun deseño elegante, unha cámara de 2 Mpíxeles e un lector de tarxetas microSD para almacenar ata 2 Gb de música e vídeos.

PUBLICIDADE