Novos reloxos de Apple

mércores, 7 de setembro do 2022 Marcus Fernández

O evento de Apple desta tarde comezou dando conta dos novos reloxos da compañía de Cupertino, que destacan polo seu amplo abano de prezos e prestacións, deixando claro que queren dominar o mercado deste tipo de dispositivos.
A Apple Watch Series 8 será un reloxo de pulso bastante conservador, cunha autonomía bastante limitada (18 horas) e pantalla Retina sempre activa, que como grandes novidades ten a incorporación dun sensor de temperatura corporal (información que pode resultar práctica tanto durante a actividade física intensa como ante unha enfermidade), unha función de detección de accidentes de tráfico (que alertará aos servizos de emerxencia se o usuario non indica o contrario) e un modo de baixo consumo.
Poderase mercar en tamaños de 41 e 45 milímetros a prezos que parte de 499 euros que chegarán ás tendas o vindeiro día 16.
O Apple Watch SE pola súa banda realiza certas concesións para poder reducir o seu prezo inicial até os 299 euros, buscando así chegar a un público moito máis amplo. Seguimos estando ante un reloxo conectado bastante completo, con tamaños de 40 e 44 milímetros e coa intención de que se adquiran como dispositivos dentro do ámbito familiar, ou sexa, para que un posuidor dun iPhone poida agasallalo a un menor ou a unha persoa de avanzada idade para que poida gozar de certas vantaxes propias do dispositivo sen ser un usuario avanzado (pero coa tranquilidade de que o reloxo poderá servir para, por exemplo, detectar caídas).
Pero a grande aposta para os vindeiros meses está claro que é o novo Apple Watch Ultra, un reloxo destinado a usuarios que practican actividades extremas, o que leva a cambios de deseño e melloras de prestacións que fan que o produto eleve o seu tamaño até os 99 milímetros e o seu prezo até os 999 euros, entrando así a competir cos reloxos deportivos de alta gama.
O cambio de tamaño do reloxo busca principalmente incrementar a súa autonomía, agora de até 36 horas en condicións normais de uso e de até 60 horas co modo de baixo consumo. A súa pantalla de grande tamaño tamén pode ter grande utilidade como sistema de navegación persoal, e as súas novas correas facilitan un axuste seguro e cómodo durante as aventuras polo mundo adiante. Chegará ás tendas o 23 de setembro.
O deseño do Apple Watch Ultra busca a resistencia, cunha caixa que protexe os bordes do cristal dianteiro plano de zafiro e incluso un sistema de coroa tamén protexido. O GPS mellora en frecuencias e precisión, o botón de acción permite indicar ao reloxo cando comezan os nosos adestramentos, a súa resistencia á auga mellora para facerse apto para deportes acuáticos e submarinismo recreativo (até 40 metros de profundidade) e incluso integra un pequeno altofalante que pode servir de bucina en caso de ter que chamar a atención ante unha emerxencia (facilitando a nosa localización).
Un dispositivo que claramente non vai ter as vendas masivas dos reloxos máis económicos de Apple, pero que permite que a compañía da mazá compita con fabricantes de reloxos deportivos que até agora non se vían ameazados polos Apple Watch, principalmente pola súa autonomía e fraxilidade.

PUBLICIDADE