Novos televisores Smart TV 3D de Philips

xoves, 26 de xullo do 2012 Marcus Fernández

A familia de televisores de alta gama Philips Smart TV 8000K composta por un televisor de 46 polgadas e outro de 40 polgadas, chegan ao mercado español a prezos de 1.899 e 1.699 euros, o que parece un prezo elevado, pero que é consecuencia directa da suma de tecnoloxías que integran, xa que estamos ante televisores Full HD con pantalla 3D (compatible cos modos de pantalla completa para 2 xogadores), tecnoloxía Ambilight Spectra XL e funcionalidades de Smart TV sen fíos, de xeito que poden acceder a aplicacións, realizar videoconferencias con Skype, gozar de numerosos contidos multimedia en liña e incluso empregar como mando a distancia un tablet, un smartphone ou un teclado sen fíos (inclúen un mando a distancia con teclado QWERTY).
Estes televisores contan con 3 portos USB, que poden empregarse para achegar contidos multimedia, para gravar contidos da televisión ou para realizar pausas en directo (time shift) das emisións de televisión. Tampouco quedan curtos en portos HDMI (5) e tamén é compatible con numerosas tecnoloxías de televisión dixital (soportando tanto emisións estándar como de alta definición terrestres e de cable, así como as emisións DVB-S HD+ do Astra). Tamén inclúen 2 pares de lentes 3D e cámara para Skype.

Os novos televisores de Philips inclúen un mando a distancia con teclado QWERTY

PUBLICIDADE