Novos trebellos educativos de LeapFrog para os pequenos da casa

mércores, 20 de xuño do 2012 Marcus Fernández

LeapFrog, compañía especializada no lecer educativo, anunciou que no mes de xullo vai comezar a comercializar 2 novos produtos que considera revolucionarios: o LeapPad2, evolución do seu primeiro tablet educativo para cativos, e a LeapsterGS, consola de videoxogos portátil tamén con vocación educativa.
Con estes produtos LeapFrog está a demostrar que os xoguetes educativos e a tecnoloxía casan ben, o que conseguen creando produtos deseñados para os máis pequenos, que nutren de contidos que serven para entreter e instruír a nenos de ata 9 anos.
Dende LeapFrog aseguran que tiveron “unha incrible demanda do LeapPad dende o día do seu lanzamento”, converténdose nun deses produtos complicados de atopar durante a campaña de Nadal, e co LeapPad2 queren repetir o éxito, achegando unha maior resolución das súas cámaras frontal e traseira, un procesador máis rápido, o dobre de memoria (4 Gb) e incluso unha maior autonomía. O dispositivo incluirá un reprodutor musical con cancións educativas precargadas e aplicacións para facer animacións, debuxo ou escribir, que buscan potenciar a creatividade dos pícaros. Tamén será compatible cos contidos do anterior LeapFrog, que rematará o ano con máis de 325 cartuchos de xogos, aplicacións, música, vídeos, libros electrónicos... O prezo deste tablet nos EE.UU. será de 99,99 dólares, mentres que as súas aplicacións educativas custarán 5 dólares.


Vídeo promocional do tablet educativo LeapPad2
Nas consolas de videoxogos portátiles LeapFrog tamén conta coa familia de produtos Leapster, que vai incorporar nunhas semanas ao LeapsterGS, que pode considerarse unha evolución do Leapster Explorer, cun deseño máis delgado, unha pantalla máis grande, cámara con detección de movemento e gravación de vídeo, un procesador máis rápido e 4 veces a súa capacidade de almacenamento interna (2 Gb). Non só contará cos típicos xogos educativos, senón que tamén permitirá gozar da realidade aumentada, intentando facer que os pequechos gocen do uso deste dispositivo que contribúe ao seu desenvolvemento.
Esta consola portátil educativa é compatible cun catálogo de xogos, aplicacións e outros contidos que rematará o ano cunhas 300 referencias. Venderase nos EE.UU. a un prezo de 69,99 dólares, mentres que os xogos custarán 24,99 dólares.


Vídeo de presentación da LeapsterGS

PUBLICIDADE