Nubia Alpha preséntase como un ridículo teléfono de pulso

martes, 26 de febreiro do 2019 Marcus Fernández

Nubia, o fabricante segregado de ZTE, presentou no Mobile World Congress un dos produtos máis rechamantes deste ano, o Nubia Alpha, un dispositivo que para moitos está a converterse no mellor exemplo de tecnoloxía que pese a ser posible non debería chegar ao público por ser unha proposta que atenta tanto ao deseño como a usabilidade, xa que estamos ante un smartphone con forma de reloxo, cunha pantalla curva que rodea o pulso do usuario facendo moi complicado o seu emprego.
O Nubia Alpha ten unha pantalla OLED de 4,01 polgadas sobre a que pode operarse de xeito táctil, integra cámara de 5 Mpíxeles para poder facer videoconferencia, conta con sensores para poder facer un seguimento da actividade do usuario, inclúe conectividade Wi-Fi, Bluetooth e 4G (con soporte de eSIM) e tamén permite pagamentos móbiles, ou sexa, que sería unha especie de fusión entre un smartphone e smartwatch, aínda que está máis na liña do segundo, se atendemos ao seu procesador Snapdragon Wear 2100 que vén acompañado por 1 GB de RAM, 8 GB de almacenamento e batería de 500 mAh (que aseguran que tería unha autonomía de até 2 días para un uso regular).
Este incómodo trebello ten previsto saír á venda en abril a un prezo de 449 euros para a súa versión con conectividade Bluetooth, mentres que o modelo con eSIM sairía máis adiante a un prezo de 549 euros e tamén habería unha versión bañada en outro que custaría 649 euros. Existirá realmente público para o que ten toda a pinta de ser un prototipo que sairá á venda con pouco criterio?

Vídeo promocional do Nubia Alpha

PUBLICIDADE