A 2ª xeración do Eee Pad Transformer podería gozar de procesadores Kal El

xoves, 18 de agosto do 2011 Marcus Fernández

Dende Asustek pareceron atinar ao lanzar o seu tablet Eee Pad Transformer, pois destaca entre a oferta actual de dispositivos con Android por estar deseñado especificamente para o seu uso opcional cun teclado que serve de tapa para a súa pantalla durante o transporte, dándolle a aparencia dun ordenador portátil (e incrementando a súa autonomía cando as dúas pezas funcionan de xeito conxunto), e ante a boa resposta que está a ter este tablet con pantalla de 10,1 polgadas, xa están a encargar material para producir a segunda xeración do dispositivo, que podería chegar no mes de outubro.
O primeiro Eee Pad Transformer tería colocado unhas 400.000 unidades no segundo trimestre do ano, agardando producir un millón de unidades máis durante o terceiro trimestre, aínda que os máis esixentes poderían querer agardar á nova xeración do tablet, pois coméntase que é posible que sexa o primeiro tablet no mercado baseado nos chips Tegra de 40 nm coñecidos como Kal El, e que superarían a potencial de cálculo dos procesadores Intel Core 2 Duo.

PUBLICIDADE