O 29 de setembro arrinca en Vigo a cuarta edición das Xornadas Videoxogo e Literatura

xoves, 22 de setembro do 2022 S. P.

A sede da Fundación Barrié de la Maza en Vigo vai acoller a vindeira semana a cuarta edición das Xornadas Videoxogo e Literatura, que se desenvolven entre o 29 de setembro e o 1 de outubro baixo o epígrafe Unha mirada transversal. Organizadas pola Fundación Carlos Casares en formato presencial (con posibilidade de ver as sesións en streaming), están patrocinadas polo Concello de Vigo, a Deputación de Pontevedra e máis a Consellería de Cultura da Xunta. As xornadas arrincan ás 16.00 horas do xoves 29. Pódese facer unha reserva de balde en videoxogoeliteratura.gal. O obxectivo é “abordar o sector cunha perspectiva transversal, sen perder de vista a súa relación coa literatura e as súas técnicas”.
Estes encontros veñen explorando dende 2019 as relacións que ambas as dúas áreas (videoxogos e literatura) establecen dentro sector cultural e creativo: “Son lazos sólidos con frecuencia, outras veces superficiais, pero sempre dinámicos ao ter que moverse nunha contorna económica inestábel”, explican dende a organización, engadindo que tamén se busca “ampliar o coñecemento público do sector; debullar as perspectivas de crecemento; apuntar retos e desafíos dos seus profesionais”.
Nesta edición haberá novos contidos para as mesas redondas e os faladoiros; novas clases maxistrais, e, por primeira vez, coa estrea do filme documental La industria salvaje de Horacio Rodríguez Maseda, unha radiografía do sector en Galicia e en España. A organización tamén destaca a consolidación da Desconferencia, un espazo reservado a calquera persoa interesada en vir falar ata un máximo de 15 minutos da súa experiencia, do seu proxecto creativo no sector do videoxogo, das súas inquedanzas na literatura transmedia.

PUBLICIDADE