O 43% dos internautas españois usan a Internet para a procura de amizade

martes, 8 de setembro do 2009 Fernando Sarasketa

Para que empregan os internautas españois a Rede? Se lles preguntaramos ás persoas que están detrás das iniciativas que buscan poñer fin ao libre intercambio de cancións e filmes na Internet teriamos con toda probabilidade unha resposta contundente: para descargar de xeito ilegal! Porén, e malia que en España si que se usan as redes abertas para o intercambio dos ditos ficheiros (para uns, libre fluxo de coñecemento e para outros, atentados á cultura), non semella que sexa este o único dos seus intereses. Segundo nos conta un estudo realizado pola firma mobifriends.com e divulgado por TNS, arredor do 43% dos usuarios da Rede deste país asegura ter coñecido xente nova mediante a Internet, dato que entre outras cousas sitúa a España como un dos países do mundo onde máis ligazóns reais se establecen tendo o eido virtual como xermolo do establecemento. Isto deixa aos internautas españois por diante de países como Alemaña ou Francia, que segundo a investigación son un pouco máis remisos á hora de confiar na Internet como punto de encontro.
As razóns desta circunstancia, que choca un pouco co feito de que España non sexa potencia ningunha en materia de penetración da Rede, habería que procuralas na “comodidade e na marxe de manobra” que ofrece a Internet, en palabras de mobifriends.com factores máis que determinantes á hora darlle uso como escenario de contactos. Dito doutro xeito: a Internet amplía as posibilidades de coñecer xente e coa comodidade de non ter que desprazármonos nin de enumerar polo miúdo tódalas razóns que nos poden levar a procurar contactos.
Amais disto, multiplica as opcións de xuntar persoas con gustos e tendencias semellantes. Para rematar, un dato curioso: en contra do que acontecía hai uns anos, cando o panorama de internautas á procura de amizade era predominantemente masculino, as porcentaxes tenden cada vez máis a equiparse: hai aínda unha maioría de homes, de arredor do 55%, pero as mulleres van acurtando distancias cun 45% de presenza.

PUBLICIDADE