A nova edición de Vindeira Capital Network aberta a novos sectores recibirá proxectos ata o 6 de setembro

mércores, 28 de agosto do 2013 Redacción

O Clúster TIC Galicia e Xesgalicia organizan a cuarta edición de Vindeira Capital Network (VCN’13), o meirande foro de captación de investimento TIC que se desenvolve en Galicia. Este proxecto comezou conxuntamente coa Plataforma Tecnolóxica Vindeira en 2010, co obxectivo de achegar emprendedores e investidores para favorecer o financiamento de proxectos baseados nas TIC, e agora amplía o seu enfoque para abordar tamén os sectores biotecnolóxico, agroalimentario, audiovisual, da automoción e doutros ámbitos no que se conte cunha alta compoñente tecnolóxica.
Nas tres primeiras edicións de Vindeira Capital Network presentáronse un total de 52 proxectos a importantes entidades de Capital Risco e business angels e contouse cunha participación media, en cada edición, de 15 entidades de investimento privadas de alcance nacional, ademais de investidores públicos. Este ano contarase novamente coa participación de analistas, conselleiros delegados e directores de investimento que representan a fondos e entidades de investimento cun rango de inversión que oscila entre os 100.000 e os seis millóns de euros.

Selección de proxectos, formación e procura de financiamento


Buscar, detectar e identificar proxectos que poidan converterse en negocios de base tecnolóxica é a fase inicial do VCN’13. O prazo para a presentación de proxectos remata o 6 de setembro. Os proxectos que se inscriban serán avaliados por un comité de expertos composto por especialistas dos eidos da empresa e das universidades galegas, que realizarán unha escolma baseada na calidade e potencialidade dos proxectos.
Os proxectos poden ser presentados por calquera persoa ou empresa que teña unha iniciativa ou proxecto empresarial innovador e con alto compoñente tecnolóxico, sexa novo ou xa comezado, e que precisen de capital para a súa execución.
Antes de enfrontarse aos financiadores, os emprendedores responsables dos proxectos seleccionados completarán unha fase de formación, na chamada Vindeira Venture Academy. Nesta escola, pola que pasará unha importante nómina de expertos, os emprendedores terán a oportunidade de pulir os seus proxectos e preparar as súas presentacións para dotalas da maior claridade e precisión. Vindeira Venture Academy desenvolverase entre os días 12 e 22 de outubro.
A presentación ante os investidores terá lugar en Santiago de Compostela os días 24 e 25 de outubro, e realizarase coa metodoloxía elevator-pitch. Esta baséase nunha presentación rápida e áxil na que o emprendedor debe captar o interese do inversor nun corto período de tempo.
Na cuarta edición de Vindeira Capital Network colaboran a Axencia Galega de Innovación, o IGAPE, os centros tecnolóxicos galegos, a Escola de Negocios de Novacaixagalicia, e as aceleradoras de empresas Zarpamos e Launchlab.

PUBLICIDADE