O ARCHOS GamePad estréase como o mellor tablet para xogar

venres, 7 de decembro do 2012 Marcus Fernández

O tablet de pequeno tamaño e prezo axustado que pode ser toda unha sorpresa de cara ao Nadal é o ARCHOS GamePad do que xa falamos no verán, e que e que ao combinar as posibilidades dun tablet de pantalla de 7 polgadas cun sistema de controis físicos pensado no uso de xogos convértese nunha excelente opción para o lecer e nun excelente agasallo que ten un prezo de 149,99 euros, aínda que xa esgotaron as unidades iniciais, polo que os pedidos realizados agora non se remitirán ata o 18 de decembro.
O ARCHOS GamePad ten unha pantalla de 7 polgadas cunha resolución de 1.024 x 600 píxeles, procesador ARM Cortex A9 de dobre núcleo a 1,6 GHz, gráfica Mali 400, 1 Gb de RAM, 8 Gb de almacenamento interno ampliable mediante tarxetas microSD de até 32 Gb, Wi-Fi, USB 2.0, saída mini HDMI e webcam, de xeito que pode cumprir coas funcións habituais de calquera outro tablet destas dimensións con Android 4.1, mantendo unhas dimensións (229,8 x 118,7 x 15,4 milímetros) e un peso (330 gramos) bastante axustados.
O seu sistema de control para xogos non se limita á pantalla táctil, senón que o ARCHOS GamePad incorpora 2 joysticks, unha cruceta e 10 botóns que grazas ás últimas versións de Android poden aproveitarse en numerosos xogos, incluíndo ARCHOS no trebello un software propio que facilita a súa configuración (incluíndo centos de perfís de configuración para poder axustar o control a un xogo nuns segundos).


Os controis físicos do ARCHOS GamePad poden configurarse dun xeito rápido e doado incluso para xogos con controis virtuais en pantalla

PUBLICIDADE