O Aaxa P4 é o pico proxector con batería máis brillante do mundo

luns, 17 de outubro do 2011 Marcus Fernández

Aaxa Technologies incorporou ao seu catálogo o pico proxector P4, que presume de ser o máis brillante do mercado alimentado por batería, cun sistema de iluminación LED que chega aos 80 lumens, o que continúa a estar moi lonxe dos proxectores tradicionais, pero resulta un interesante avance.
Este proxector de peto soporta resolucións de vídeo de ata 1.280 x 768 píxeles, aínda que a súa resolución nativa é de 854 x 480 píxeles, podendo proxectar unha imaxe de entre 7 e 80 polgadas, ten un contraste de 2.000:1, un altofalante interno de 1 W (con toma para auriculares e altofalantes externos), unha lámpada cunha vida de 15.000 horas e 2 Gb de almacenamento interno (así como lector para tarxetas microSD ou memorias USB).
Funciona cunha versión de Windows 6 CE, pode amosar directamente documentos de Word, Excel e PowerPoint, a súa autonomía é de ata 75 minutos, mide 141 x 71 x 31 milímetros e permite captar vídeo a través de conexións VGA e de vídeo composto.
Podemos ver detalles sobre as súas prestacións no seguinte vídeo:

PUBLICIDADE