O Apple Watch terá conectividade móbil de seu

martes, 12 de setembro do 2017 Marcus Fernández

Aínda que o reloxo conectado de Apple non é un produto que teña unha grande presenza no mercado, xa que os smartwatches non parecen ter atopado o sitio que se esperaba, o Apple Watch Series 3 pode mudar lixeiramente as cousas, xa que, aparte das típicas melloras no que a monitorización de actividade se refire, integra conectividade móbil, ou sexa, que cando un usuario sae a correr xa non terá que cargar co teléfono para estar comunicado.
O novo Apple Watch tamén é resistente á auga, integra un novo altímetro barométrico e tamén GPS. Sobre a conectividade móbil, está baseada en tecnoloxía eSIM (polo que só funcionaría cos operadores que a soporten) e podería funcionar co mesmo número de teléfono que se teña no smartphone, tendo así unha grande versatilidade. Dado que non sempre será posible gozar da conectividade móbil, tamén venderase unha versión sen LTE.
Unha das funcións máis atractivas do Apple Watch é a posibilidade de funcionar como reprodutor de música, de xeito que podemos empregalo con auriculares Bluetooth e, agora que o dispositivo ten conectividade móbil, tamén sería interesante para o seu uso co servizo Apple Music (podendo incluso recibir as emisoras de radio do servizo cando non levemos o móbil enriba).
O novo Apple Watch estará dispoñible en reserva a partires do vindeiro día 15, chegando ás tendas españolas o 22 de setembro. O modelo con GPS venderase a un prezo que parte dos 369 euros (en tamaño de caixa de 38 milímetros) ou dos 399 euros (en tamaño de caixa de 42 milímetros), mentres que a versión LTE aínda non ten prezo para España (posiblemente en espera de que algún operador anuncie a súa compatibilidade e prepare algunha oferta comercial específica). Lembremos que en España xa existen smartwatches con eSIM, pois Orange ofertou a versión con conectividade móbil do Samsung Gear S2 Classic a finais do ano pasado.

PUBLICIDADE